sâmbătă, 19 februarie 2011

Os xovenes,a vivenda, os capitalistas e Miloon Kothari

Hai un señor por aí que lle chaman Miloon Kothari que ten por particularidade, ademais dun nome raro, o ser relator da ONU para a vivenda. Como ao tipo lle pagan por iso púxose a analizar o caso español e chegou a unhas conclusións que só podo calificar de antiespañolas e filocomunistas.
O informe do tipo este alerta dúnha inminente “crise inmobiliaria”. Kothari conclúe que “o principal problema da vivenda en España é que non é asequible”.... de verdade?, o dirá en serio?. Será porque eu vivo núnha árbore que nunca reparara no asunto.... Ao parecer isto non só repercute na inacesibilidade dun dereito humano esencial, senón noutros, xa que moitas familias adican mais do 50% dos seus ingresos ao pago de hipotecas, e non está científicamente demostrado que a necesidade de alimentos disminúa en relación inversa á suba do euribor.
Chegados a este punto permitídeme que rebautice ao euribor coa fórmula “puta avaricia de banqueiro”, que é mais longa pero pola mesma mais exacta. Sempre envexei ese talento dos capitalistas para encubrir a súa inhumana avaricia baixo fórmulas macroeconómicas insondables para o común dos mortais con apariencia de fenómenos tan naturais coma os furacáns. O día en que os navalleiros do meu barrio estuden matemáticas o mundo tremerá...
Voltando ao relatorio da ONU... o caso é que Kothari alerta de que de manterse a situación actual cada vez mais xente non poderá afrontar o pago da súa hipoteca. Ao parecer esta manía que teñen os especuladores de tensar e tensar a corda até que expriman até o último céntimo dos traballadores, combinado coa afección dos seus respectivos patronos de pagarlles cada vez menos e despedilos cada vez mais, pode derivar non só nun colosal batacazo do mercado inmobiliario, senón en graves problemas sociais.
Michael Moore ven definindo esta patoloxía burguesa como que “a súa avaricia é tan grande que te venderían a corda coa que foras a aforcalos”...Ei!, se se poden cargar o planeta para maximalizar benefícios a quen coño lle importa un mercado inmobiliario?.
A dicer do texto, un dos motivos de que España sexa vangarda tamén en malos tratos é a dificuldade que atopan moitas mulleres para conseguir a autosuficiencia económica pola inacebilidade da vivenda, (o paro, os salarios miserables e a precariedade deben ter tamén algo que ver). E mesmo pon en evidencia que a solución ao problema da vivenda non pasa por habilitar mais terreo edificable, senón en comezar a retirar a carta branca aos especuladores.
A coña é que tamén alerta do “aburguesamento” das cidades, que se materializa en aínda mais tendencia alcista, mais inacesibilidade, e confinamento da povoación de menores recursos.... pero bueno, dende cando “aburguesarse” ten connotacións negativas no mundo libre?... Que alguén me venda un piso con marmol, vitro, hidromasaxe, forno con grill e preciosos acabados en caoba, que xa o rematarán de pagar os meus tataranetos.
Imaxinade unha sociedade na que os pisos costasen o salario íntegro de 14 meses dun albanel en lugar do de 15 anos, na que o solario medio bastase de sobra a unha soa persoa para ser económicamente autosuficiente, na que o paro non superase o 5% da povoación activa (e en calquera caso se cobrasen até 3 anos de paro!), na que non existisen as ETT´s nin os contratos lixo e o emprego fose estable... pois contareivos un segredo; iso foi aquí en 1978 segundo datos oficiais. Alguén segue pensando que os xóvenes o temos mais doado que os nosos pais?, pois non queridos amigos, o que acontece é que o crédito, o subidón que dá ter un móvil e un PC (pagado a prazos), e o vivir en casa dos pais até a menopausia ou a pitopausia (ao fin e ao cabo eles sí podían mercar un piso, que son 14 meses?), provoca espellismos aburguesantes e delirios acomodatícios de utopía negativa... pero si, vai en serio, os ricos gañan mais que nunca e nós, pringados asalariados, gañamos moito menos que hai 30 anos e en peores condicións... por mais que teñamos un Ipod, ostia!.
E mentres, Miloon Kothari chama á povoación española a manifestarse na rúa por este asunto porque “ a presión da sociedade civil é fundamental”.Miloon ten razón, en democracia o estado escoita a voz da cidadanía na rúa... e manda á policía a forralos a hostias, como sucedeu en Madrid e Barcelona nas multitudinarias manifestacións pola vivenda digna do ano pasado.
A pesar de todo hai xente na rúa, Miloon, o que acontece é que as cousas non son así tan simples.