sâmbătă, 19 februarie 2011

Xa estou aquiiiiiii

Que sí, que andiven missing, coma no título daquela película de Costa Gavras. Pero é que me andivo a cambiar a vida e non reacciono ben aos cambios, ademais de sofrer certos problemas de infraestructura. Nada tan grave coma se en realidade estivese na situación da antes citada película; talvez naquel Chile os meus chistes sobre católicos e a miña simpatía polo barbudo alemán non fosen tomadas de bo roio.

Pero como non estou alí sigo vivo, sobrevivindo mesmo aos procesos eleitorais da monarquía. Que por certo, hai que ver que chea de analistas políticos hai neste país… eu tamén quero ser un!. Pagarán ben?, digo eu que según onde. Por escribir aquí no blogue non dan un peso, diso xa me dei conta hai ben tempo con pesar do meu corazón… pero hai outras compensacións, como poder pontificar libremente. A min váleme, así que vou falar do tema, así por riba e coa falta de sentido común que me caracteriza. Aí vai a miña análise do proceso eleitoral do pasado fin de semana: eran moitos malos e a xente votou aos peores, conclusión: este é un país de merda… e postos a elexir ineptos e reaccionarios non preferirá este país a miña ditadura absolutista?. Xa veredes que ven o imos pasar cando domine o mundo… polo menos eu.

O que si me reventa é que na miña ausencia se produciran circunstancias tan desagradables como a deserción de a randeeira… que por certo, por Coruña quero verche pero xa, para tomar ese licor café (o meu sen licor), e falar de todas esas cousas, ás que hai que haberá que engadir un debate sobre a desaparición dun dos blogues mais imprescindibles do blogomillo.

E bueno, síntoo moitísimo ter desaparecido así todos estes días, de verdade que non o tería feito de non ter unha causa de forza maior, coido que aínda podo dicer moitas mais estupideces neste meu niño. Sei que algúns tedes por sombreiro tanta tolemia que até me botáchedes de menos, agardo que disculpedes este obrigado lapso. Agora que ando de novo pola rede adiante tereime que ir poñendo ao día nas novidades dos blogues amigos e do blogomillo todo… uf!, pouco a pouco que teño moitas cousas aínda no ar… pero hoxe mesmo empezo.

Ale, xa quitei as telarañas despois de voltar desta viaxe, agora a desfrutar do sabor do fogar… falta un toque persoal;
Ala, xa está… e uns consellos que se me ocorreron; non metades os dedos nun enchufe se tedes as mans molladas ou con restos de mermelada de fresa, non dedes nunca demasiadas voltas sobre vos mesmos porque posiblemente vos mareedes, non xoguedes con lume porque soe estar bastante quente, e non votedes ao PP porque podes quedarte cego… ademais logo me da o roio antisocial e é unha lata.

Unha aperta a todos e todas.

Épico, Lírico e Melódico (X)… ou sexa, décima entrega, non porno.

Estábao desexando, si, e logo?. Se non volvía con isto non volvía de todo.

Die Apokalyptischen Reiter “Friede sei mit dir”
Alemania, Folk/Extreme Power Metal


Tiña ganas de traer ao niño a estes colgados de Weimar (como a constitución que tan pouco lle gustaba a Adolf... por algo sería). Púxomo “a huevo” este vídeo constructivista que sacaron do seu último disco “Riders on the storm”, mais modosote e menos extremo que os seus frenéticos comezos. Tamén seica mudan o nome por “The Four Horsemen of the Apocalypse”, que significa o mesmo pero segúndo opinan “é mais pronunciable para os non alemáns”... e o din agora que case aprendín a pronuncialo despois de trabarme mil veces a língua!.
Os tres primeiros discos só para fanáticos do metal mais extremo, agora fanse mais para tódo-los públicos. Moi recomendables.

Visions of Atlantis “Lost”
Austria, Goth/Power Metal


Tardaron en entrarme, non sei que lles vía eu así medio raro... pero os amores reñidos son os mais queridos. Isto é de “Cast Away”, o seu disco de 2004 e segundo que publicaban. Recentemente editouse “Trinity”, do que me mandan unha chea de publicidade os amigos de napalm records, tamén austríacos, e do que hai que dicer que está moi ben.
O baixista de este grupo, Michael Koren, colaboraba habitualmente con Edenbridge, o outro grupo austríaco que houbo até agora nesta saga... e é que no universo metálico dun país pequeno todo queda en família.

Ásmegin “Til Rondefolkets Herskab”
Noruega, Viking Metal


Estes son debutantes, a min gústanme os debutantes, me gusta seguir a un grupo dende antes da publicación mesmo do seu primeiro álbum. Ásmegin mellorou moito dende a súa demo do 99 até a publicación de “Hin Vordende Sod & Sø” no 2003. De momento é o que hai, vai para catro anos e aí quedaron, anque o grupo polo que eu sei segue en activo.
Vale, non son Ensiferum, pero nin un só dos seus membros tiña experiencia noutras grandes bandas escandinavas, mais aló do cameo de Lars Nedland en Borknagar, un dos proxectos paralelos da dinastía Vintersorg (que polo demais fan un grupo paralelo ao mes… o que fai o aburrimento).

Ars Amandi “La suerte está echada”
España, Folk/Heavy Metal


Un lugar para a pastelada, que tamén ten o seu encanto. Esta é unha banda actual, ollo, non foron teloneiros de Ñu nos seus anos de gloria, anque membros deste grupo madrileño pasaron por Baron Rojo, Ankhara, ou Niágara.
Non é un comentario anti-heavy metal clásico, eh?... ademais de que son un grande fan dos clásicos e do son clásico nas novas bandas me arriscaría ao linchamento dalgún amigo do lobby conservador metálico, (que en lugar de garavata e bogotillo levan “jotajaibers” e elásticos). Dicíao por ese son tan particular do “jevi” español dos oitenta, e polo perfil tan curioso das letras, que vexo moi proxectado nesta banda… Anque no metálico eu tamén son progresista e antiamericano.
Van a disco por ano dende o 2003, a ver se para este cumplen e vai un quinto disco. A disfrutalo, que “el jevi no es violencia” e “va a estallar el obus”…

O pracer de adestrar arácnidos

“Non me gustan os bechos que lles din a outros bechos; “Becho!””
(Papá Pitufo…. Coido)


Esta historia aconteceu realmente dentro duns mil cincocentos anos aproximadamente. XRD-234 (dentro de 312 anos faráse obrigatorio chamar aos nenos como modelos de electrodomésticos), era un tipo que pensaba que debía haber algo errado nel, porque non se daba conta das cousas que acontecían ao seu redor; era incapaz de percibir o que os demais, ao parecer, consideraban obvio.
XRD-234 era un tipo que cando desenrolaba calquera actividade a consideraba sana, cando coñecía a alguén bastaba que lle falara cun sorriso para tirar excelentes impresións, e pola mesma, nunca adoitaba ver nada anómalo ou malvado nas intencións de quenes con el interactuaban no día a día. O mais grave de todo é que XRD-234 se sentía mais feliz vivindo así.
Un bó dia o noso protagonista ingresou no clube TYGDS, que anque é moi complicado explicar ao que se adicaba ás persoas do século XXI digamos que tiña que ver co adestramento de arácnidos, por exemplo. XRD-234 era feliz adestrando arácnidos, e pensaba que o resto de adestradores tamén o eran.
Un bó día (ou malo, según se mire) un home se achegou a XRD-234 e lle falou en ton clandestino. Minipimer (así se chamaba), fíxolle ver a XRD-234 que adestrar arañas era unha estupidez. “e logo ti porqué adestras arañas?” preguntou o noso protagonista inxénuamente.
Minipimer explicou que el quería probar como era adestrar arañas, pero a súa experiencia fixéralle ver que era absurdo, e que todo aquel que adestrara arañas só merecía ser desollado por unha rata con sífilis.
O noso protagonista quedou sobrecollido pola observación de minipimer, rumiando nela, e sorprendeuse sentíndose culpable… talvez el fixera algo que fixera parecer estúpidos a tódo-los adestradores de aracnidos. Até aquel momento el disfrutaba daquela actividade, pero tanta vehemencia na acusación de minipimer debía significar que en verdade había algo malo naquelo, ao fin e ao cabo Minipimer era un bó tipo… coma todo o mundo.
Pouco despois algúnhas outras voces se foron sumando á de minipimer… os adestradores de arañas susurraban ás agochadas sobre o estúpido que no fondo era adestrar arañas e as ganas que tiñan de deixar de ser uns estúpidos adestradores. XRD-234 sentíuse estúpido e sucio, pero sobre todo incómodo, e até pensou en deixalo, por mais que lle gustara adestrar arácnidos.
Pero cando XRD-234 ollaba para a porta do local do clube TYGDS víu marchar a minipimer. Ollaba para atrás furtivamente, agardando que alguén o detivese, que pretendese retelo pola forza. XRD-234 comprendeu súbitamente que Minipimer só pretendía facerse notar, que os demais lle suplicasen que quedase para sentirse respetado… o pobre do minipimer só era un megalómano, un creador de ponzoña ao que sí lle gustaba adestrar arácnidos, pero non quería ser un mais; quería ser o mellor, ou iso ou nada.
Entón, XRD-234 se deu conta do absolutamente estúpido que era vacilar, ollar cara a porta de TYGDS, ou deixar que a ponzoña de minipimer calara na súa mente insegura… definitivamente, fose estúpido ou non aos ollos dos demais, el quería adestrar arácnidos.
Cun sorriso nos beizos deu media volta e víu con agrado como Minipimer deixaba o clube sen que a ninguén parecera importarlle. Imaxinou a dor que reconcomería por elo ao pobre desgraciado e non lle remordeu a conciencia no mais mínimo o alegrarse delo.
XRD-234 voltou á súa actividade e mirou con satisfacción aos seus compañeiros e compañeiras, aos que nunca dubidaran. Pegouse a eles e decidíu que adestrar arañas era unha actividade maravillosa..

Pequena e necesaria "rajada"

Creo que foi porque voltei a escoitar (para a miña desgracia) aquelo de que Pearl Jam é un grupo excepcional, pero hoxe asaltáronme recordos sobre os primeiros e mediados 90´. Xa non padezo o arduo resentemento contra os novos sons iankis en xeral e o grunge en particular que me torturaba cando tiña que escoitar cada media hora que o metal estaba morto… e non só porque hoxe a “explosión grunge” pasara á historia coma calquera outra moda e durara o que tarda don Manuel en dicer “carallo”.
Non vou negar que me congratula que quenes me convidaban a asumir a defunción do metal hai 15 anos pasaran xa por quince modas distintas vendo polo rabillo do ollo como o metal medraba e se multiplicaba, (arrieritos somos…). Pero con todo non é iso o que me parece mais importante.
Estes movementos fugaces cos que a industria ianki da música (mesmo da música “cañera”) pretende reinventar o mundo cada cinco anos me cansan e aburren. Vimos pasar xa demasiados como para non sentir certa indiferéncia e hastío. Non pretendo desdecir a miña frase de “escoita e deixa escoitar”, pero non hai contradicción entre iso e non soportar certos grupos, niso consisten as fóbias, que son moi sanas.
O sinto, pero Pearl Jam paréceme o grupo mais aburrido do mundo despois de Jarabe de palo, e sigo pensando que Kurt Cobain (descanse en paz) non tiña mais idea de tocar a guitarra que o meu periquito. A quen lle guste chapó, o mesmo dereito hai a iso a que a min me horroricen, pero ao final da ditadura grunge só queda un iconográfico “martir del rock”. E outra cousa é se Nirvana ou Pearl Jam podían ser cualificados como “grandes grupos”, “grupazos”, etc… aí todo depende do baremo empregado. Para o meu baremo eran o que técnicamente poderíamos definir como “porquería”. Pero é que eu nunca poderei evitar ver ao grunge coma unha anécdota desagradable da mercadotecnia discográfica ianki. (que país ese, que país…)

Verdades coma puños

De súpeto deime conta de que últimamente estou decindo algúnhas cousas algo impopulares, e é unha irresponsabilidade, dado que até que non se oficialice o meu cargo de emperador mundial non teño poder para impoñer unilateralmente as miñas opinións a todo cristo. Confeso que me falta un Goebbles ao lado aínda e teño que adaptarme ás circusntancias e facer que as miñas opinións sexan populares a toda costa para gañar simpatizantes (hai que adaptarse, como Adolfito cando o do 33… que hábil!).
Así que puxen o meu cerebro privilexiado de visionario a traballar e por suposto os deuses dictáronme a decisión correcta. No meu próximo post (este mesmo) teño que dicer algo co que todo o mundo teña que estar dacordo. Verdades coma puños que ninguén poda rebatir e que fagan aos demais rendirse ante a aplastante lóxica dos meus razoamentos.
Hoxe quero comezar por dez sentencias básicas:

- As vacas son mamíferos. Isto é así, non ten volta de folla. En realidade se teño que xuzgar polo que eu mesmo vin debo confesar que non podería acreditar que os cuxos non nazan de ovos, xa que non vin nunca nacer un, pero a enciclopedia insiste en que isto é así e a min paréceme razoable. Ë evidente que os cuxos non caben nun ovo, nin sequera nun grande, como os de avestruz. Pode que no seu momento decrete que son ovíparos, pero será un dos moitos luxos que me darei para recrearme no meu poder absoluto.

- “El futbol es así”. Unha verdade universal do noso tempo. A ver quen me pode negar iso. Prohibir aos futbolistas profesionais utilizar esa frase é un dos meus maiores desexos para o futuro.

- Masa e peso non son o mesmo. Por mais que me coste aínda comprender a diferéncia tódo-los entendidos están dacordo neste asunto.

- Se mire como se mire inhalar gas non é unha boa idea. Salta á vista.

- Por algún motivo deus non fixo que o papa nacese sen xenitais. Non entendo porqué, pero en caso contrario a súa santidade llo anunciaría ao seu rebaño.

- As radios dos taxis sintonizan a COPE de serie. Sei que hai un modelo especial de radio de automóvil que só se vende a taxistas que ten esta función. Non admito réplica. O que non sei é onde conseguilas, onde as mercarán?.

- A segunda triloxía de Star Wars sobraba. Incontestable.

- A Nietzsche hai que saber leelo. Non sei o que significa isto, eu sempre o lín de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, pero como tanta xente o dí debe ser certo.

- O programa que tiña Jose Luis moreno en TVE era un plan marciano para exterminar á humanidade. Isto tamén é así. Só a suspensión do programa evitou a catástrofe. Creo que o vin no programa ese de sucesos paranormais. Unha vez atopouse un señor en Soria ao que lle gustaba o programa, pero logo se descubriu que non podía respirar sen chutarse silício.

- Meg Ryan é o anticristo. Isto xa o teño dito, pero hoxe busco como digo resaltar o incontastable. Non son eu precisamente cristiano, pero tampouco me gusta que vaia a xente por Hollywood cheirando a azufre.

- A xente que lé a Kant é moi, moi lista. Pero listos de la muerte. Ninguén parece atreverse a discutir este extremo.

- “La belleza está en el interior”. Dogma coma os dos cristianos, anque ningúen se atreva a discutilo poucos viven atendéndo a el. Sobre isto versará en forma de pequena fábula moral un dos meus próximos posts.

Ala, a ver quen me discute isto.

Os xovenes,a vivenda, os capitalistas e Miloon Kothari

Hai un señor por aí que lle chaman Miloon Kothari que ten por particularidade, ademais dun nome raro, o ser relator da ONU para a vivenda. Como ao tipo lle pagan por iso púxose a analizar o caso español e chegou a unhas conclusións que só podo calificar de antiespañolas e filocomunistas.
O informe do tipo este alerta dúnha inminente “crise inmobiliaria”. Kothari conclúe que “o principal problema da vivenda en España é que non é asequible”.... de verdade?, o dirá en serio?. Será porque eu vivo núnha árbore que nunca reparara no asunto.... Ao parecer isto non só repercute na inacesibilidade dun dereito humano esencial, senón noutros, xa que moitas familias adican mais do 50% dos seus ingresos ao pago de hipotecas, e non está científicamente demostrado que a necesidade de alimentos disminúa en relación inversa á suba do euribor.
Chegados a este punto permitídeme que rebautice ao euribor coa fórmula “puta avaricia de banqueiro”, que é mais longa pero pola mesma mais exacta. Sempre envexei ese talento dos capitalistas para encubrir a súa inhumana avaricia baixo fórmulas macroeconómicas insondables para o común dos mortais con apariencia de fenómenos tan naturais coma os furacáns. O día en que os navalleiros do meu barrio estuden matemáticas o mundo tremerá...
Voltando ao relatorio da ONU... o caso é que Kothari alerta de que de manterse a situación actual cada vez mais xente non poderá afrontar o pago da súa hipoteca. Ao parecer esta manía que teñen os especuladores de tensar e tensar a corda até que expriman até o último céntimo dos traballadores, combinado coa afección dos seus respectivos patronos de pagarlles cada vez menos e despedilos cada vez mais, pode derivar non só nun colosal batacazo do mercado inmobiliario, senón en graves problemas sociais.
Michael Moore ven definindo esta patoloxía burguesa como que “a súa avaricia é tan grande que te venderían a corda coa que foras a aforcalos”...Ei!, se se poden cargar o planeta para maximalizar benefícios a quen coño lle importa un mercado inmobiliario?.
A dicer do texto, un dos motivos de que España sexa vangarda tamén en malos tratos é a dificuldade que atopan moitas mulleres para conseguir a autosuficiencia económica pola inacebilidade da vivenda, (o paro, os salarios miserables e a precariedade deben ter tamén algo que ver). E mesmo pon en evidencia que a solución ao problema da vivenda non pasa por habilitar mais terreo edificable, senón en comezar a retirar a carta branca aos especuladores.
A coña é que tamén alerta do “aburguesamento” das cidades, que se materializa en aínda mais tendencia alcista, mais inacesibilidade, e confinamento da povoación de menores recursos.... pero bueno, dende cando “aburguesarse” ten connotacións negativas no mundo libre?... Que alguén me venda un piso con marmol, vitro, hidromasaxe, forno con grill e preciosos acabados en caoba, que xa o rematarán de pagar os meus tataranetos.
Imaxinade unha sociedade na que os pisos costasen o salario íntegro de 14 meses dun albanel en lugar do de 15 anos, na que o solario medio bastase de sobra a unha soa persoa para ser económicamente autosuficiente, na que o paro non superase o 5% da povoación activa (e en calquera caso se cobrasen até 3 anos de paro!), na que non existisen as ETT´s nin os contratos lixo e o emprego fose estable... pois contareivos un segredo; iso foi aquí en 1978 segundo datos oficiais. Alguén segue pensando que os xóvenes o temos mais doado que os nosos pais?, pois non queridos amigos, o que acontece é que o crédito, o subidón que dá ter un móvil e un PC (pagado a prazos), e o vivir en casa dos pais até a menopausia ou a pitopausia (ao fin e ao cabo eles sí podían mercar un piso, que son 14 meses?), provoca espellismos aburguesantes e delirios acomodatícios de utopía negativa... pero si, vai en serio, os ricos gañan mais que nunca e nós, pringados asalariados, gañamos moito menos que hai 30 anos e en peores condicións... por mais que teñamos un Ipod, ostia!.
E mentres, Miloon Kothari chama á povoación española a manifestarse na rúa por este asunto porque “ a presión da sociedade civil é fundamental”.Miloon ten razón, en democracia o estado escoita a voz da cidadanía na rúa... e manda á policía a forralos a hostias, como sucedeu en Madrid e Barcelona nas multitudinarias manifestacións pola vivenda digna do ano pasado.
A pesar de todo hai xente na rúa, Miloon, o que acontece é que as cousas non son así tan simples.