sâmbătă, 19 februarie 2011

O pracer de adestrar arácnidos

“Non me gustan os bechos que lles din a outros bechos; “Becho!””
(Papá Pitufo…. Coido)


Esta historia aconteceu realmente dentro duns mil cincocentos anos aproximadamente. XRD-234 (dentro de 312 anos faráse obrigatorio chamar aos nenos como modelos de electrodomésticos), era un tipo que pensaba que debía haber algo errado nel, porque non se daba conta das cousas que acontecían ao seu redor; era incapaz de percibir o que os demais, ao parecer, consideraban obvio.
XRD-234 era un tipo que cando desenrolaba calquera actividade a consideraba sana, cando coñecía a alguén bastaba que lle falara cun sorriso para tirar excelentes impresións, e pola mesma, nunca adoitaba ver nada anómalo ou malvado nas intencións de quenes con el interactuaban no día a día. O mais grave de todo é que XRD-234 se sentía mais feliz vivindo así.
Un bó dia o noso protagonista ingresou no clube TYGDS, que anque é moi complicado explicar ao que se adicaba ás persoas do século XXI digamos que tiña que ver co adestramento de arácnidos, por exemplo. XRD-234 era feliz adestrando arácnidos, e pensaba que o resto de adestradores tamén o eran.
Un bó día (ou malo, según se mire) un home se achegou a XRD-234 e lle falou en ton clandestino. Minipimer (así se chamaba), fíxolle ver a XRD-234 que adestrar arañas era unha estupidez. “e logo ti porqué adestras arañas?” preguntou o noso protagonista inxénuamente.
Minipimer explicou que el quería probar como era adestrar arañas, pero a súa experiencia fixéralle ver que era absurdo, e que todo aquel que adestrara arañas só merecía ser desollado por unha rata con sífilis.
O noso protagonista quedou sobrecollido pola observación de minipimer, rumiando nela, e sorprendeuse sentíndose culpable… talvez el fixera algo que fixera parecer estúpidos a tódo-los adestradores de aracnidos. Até aquel momento el disfrutaba daquela actividade, pero tanta vehemencia na acusación de minipimer debía significar que en verdade había algo malo naquelo, ao fin e ao cabo Minipimer era un bó tipo… coma todo o mundo.
Pouco despois algúnhas outras voces se foron sumando á de minipimer… os adestradores de arañas susurraban ás agochadas sobre o estúpido que no fondo era adestrar arañas e as ganas que tiñan de deixar de ser uns estúpidos adestradores. XRD-234 sentíuse estúpido e sucio, pero sobre todo incómodo, e até pensou en deixalo, por mais que lle gustara adestrar arácnidos.
Pero cando XRD-234 ollaba para a porta do local do clube TYGDS víu marchar a minipimer. Ollaba para atrás furtivamente, agardando que alguén o detivese, que pretendese retelo pola forza. XRD-234 comprendeu súbitamente que Minipimer só pretendía facerse notar, que os demais lle suplicasen que quedase para sentirse respetado… o pobre do minipimer só era un megalómano, un creador de ponzoña ao que sí lle gustaba adestrar arácnidos, pero non quería ser un mais; quería ser o mellor, ou iso ou nada.
Entón, XRD-234 se deu conta do absolutamente estúpido que era vacilar, ollar cara a porta de TYGDS, ou deixar que a ponzoña de minipimer calara na súa mente insegura… definitivamente, fose estúpido ou non aos ollos dos demais, el quería adestrar arácnidos.
Cun sorriso nos beizos deu media volta e víu con agrado como Minipimer deixaba o clube sen que a ninguén parecera importarlle. Imaxinou a dor que reconcomería por elo ao pobre desgraciado e non lle remordeu a conciencia no mais mínimo o alegrarse delo.
XRD-234 voltou á súa actividade e mirou con satisfacción aos seus compañeiros e compañeiras, aos que nunca dubidaran. Pegouse a eles e decidíu que adestrar arañas era unha actividade maravillosa..