Hai un señor por aí que lle chaman Miloon Kothari que ten por  particularidade, ademais dun nome raro, o ser relator da ONU para a  vivenda. Como ao tipo lle pagan por iso púxose a analizar o caso español  e chegou a unhas conclusións que só podo calificar de antiespañolas e  filocomunistas.
O informe do tipo este alerta dúnha inminente  “crise inmobiliaria”. Kothari conclúe que “o principal problema da  vivenda en España é que non é asequible”.... de verdade?, o dirá en  serio?. Será porque eu vivo núnha árbore que nunca reparara no  asunto.... Ao parecer isto non só repercute na inacesibilidade dun  dereito humano esencial, senón noutros, xa que moitas familias adican  mais do 50% dos seus ingresos ao pago de hipotecas, e non está  científicamente demostrado que a necesidade de alimentos disminúa en  relación inversa á suba do euribor. 
Chegados a este punto  permitídeme que rebautice ao euribor coa fórmula “puta avaricia de  banqueiro”, que é mais longa pero pola mesma mais exacta. Sempre envexei  ese talento dos capitalistas para encubrir a súa inhumana  avaricia  baixo fórmulas macroeconómicas insondables para o común dos mortais con  apariencia de fenómenos tan naturais coma os furacáns. O día en que os  navalleiros do meu barrio estuden matemáticas o mundo tremerá...
Voltando ao relatorio da ONU... o caso é que Kothari alerta de que de  manterse a situación actual cada vez mais xente non poderá afrontar o  pago da súa hipoteca. Ao parecer esta manía que teñen os especuladores  de tensar e tensar a corda até que expriman até o último céntimo dos  traballadores, combinado coa afección dos seus respectivos patronos de  pagarlles cada vez menos e despedilos cada vez mais, pode derivar non só  nun colosal batacazo do mercado inmobiliario, senón en graves problemas  sociais. 
Michael Moore ven definindo esta patoloxía burguesa como  que “a súa avaricia é tan grande que te venderían a corda coa que foras a  aforcalos”...Ei!, se se poden cargar o planeta para maximalizar  benefícios a quen coño lle importa un mercado inmobiliario?.
A dicer  do texto, un dos motivos de que España sexa vangarda tamén en malos  tratos é a dificuldade que atopan moitas mulleres para conseguir a  autosuficiencia económica pola inacebilidade da vivenda, (o paro, os  salarios miserables e a precariedade deben ter tamén algo que ver). E  mesmo pon en evidencia que a solución ao problema da vivenda non pasa  por habilitar mais terreo edificable, senón en comezar a retirar a carta  branca aos especuladores.
A coña é que tamén alerta do  “aburguesamento” das cidades, que se materializa en aínda mais tendencia  alcista, mais inacesibilidade, e confinamento da povoación de menores  recursos.... pero bueno, dende cando “aburguesarse” ten connotacións  negativas no mundo libre?... Que alguén me venda un piso con marmol,  vitro, hidromasaxe, forno con grill e preciosos acabados en caoba, que  xa o rematarán de pagar os meus tataranetos. 
Imaxinade unha  sociedade na que os pisos costasen o salario íntegro de 14 meses dun  albanel en lugar do de 15 anos, na que o solario medio bastase de sobra a  unha soa persoa para ser económicamente autosuficiente, na que o paro  non superase o 5% da povoación activa (e en calquera caso se cobrasen  até 3 anos de paro!), na que non existisen as ETT´s nin os contratos  lixo e o emprego fose estable... pois contareivos un segredo; iso foi  aquí en 1978 segundo datos oficiais. Alguén segue pensando que os  xóvenes o temos mais doado que os nosos pais?, pois non queridos amigos,  o que acontece é que o crédito, o subidón que dá ter un móvil e un PC  (pagado a prazos), e o vivir en casa dos pais até a menopausia ou a  pitopausia (ao fin e ao cabo eles sí podían mercar un piso, que son 14  meses?), provoca espellismos aburguesantes e delirios acomodatícios de  utopía negativa... pero si, vai en serio, os ricos gañan mais que nunca e  nós, pringados asalariados, gañamos moito menos que hai 30 anos e en  peores condicións... por mais que teñamos un Ipod, ostia!.
E  mentres, Miloon Kothari chama á povoación española a manifestarse na rúa  por este asunto porque “ a presión da sociedade civil é  fundamental”.Miloon ten razón, en democracia o estado escoita a voz da  cidadanía na rúa... e manda á policía a forralos a hostias, como sucedeu  en Madrid e Barcelona nas multitudinarias manifestacións pola vivenda  digna do ano pasado. 
A pesar de todo hai xente na rúa, Miloon, o que acontece é que as cousas non son así tan simples.